lunes, 15 de febrero de 2010

Cherish the Ladies

Hoxe imos percorrer un camiño que nos vai ter indo e vindo dende EE.UU. a Irlanda, debido á procedencia das persoas que forman Cherish the Ladies. Este nome, tomado dunha xiga tradicional irlandesa, é moi axeitado para bautiza-la banda, pois está formada por seis mulleres. Os comezos da banda sitúanse en 1985 en New York, onde foron organizadas polo folclorista e músico irlandés Mick Moloney. Nestes anos comezaron facendo ciclos de concertos. Despois elas mesmas establéceronse como músicos e intérpretes, e foi neste momento cando gañaron moitos oíntes. Conseguiron recoñecemento por se-lo único grupo tradicional irlandés integramente feminino nunha escena dominada por grupos masculinos, segundo o propio Mick Moloney. Vexamos agora un breve detalle sobre a biografía de cada unha das súas compoñentes e dos instrumentos que tocan: I) Joanie Madden: frauta, whistles e voz: naceu no Bronx, en New York, pero os seus pais son irlandeses e ámbolos dous se dedican á música, pois súa nai é bailarina de danzas tradicionais e o pai acordeonista. Ademais do seu traballo como instrumentista e cantante, tamén é compositora e gravou tres discos en solitario. II) Mary Coogan: guitarra, banjo e mandolina: neoiorquina como Joanie Madden e procedente dunha familia de músicos, Mary Coogan é unhas das fundadoras deste grupo. Cando contaba poucos anos, comezou a tocar porque escoitaba varios tipos de música acústica. III) Roisín Dillon: fiddle: naceu e criouse en Belfast (Irlanda do Norte), pero trasladouse a EE. UU. Seu pai aprendeulle a toca-lo whistle con once anos pero, a partir dos quince anos, dedícase exclusivamente ao fiddle. IV) Michelle Burke: voz: criouse no pobo de Ballynoe, nun fogar de músicos onde as baladas irlandesas e as cancións folk eran un membro máis da familia. Cando foi maior dabondo, comezou a cantar na banda de seu pai, que tocaba en vodas, bailes e festas. V) Mirella Murray: acordeón piano: criouse en Claddaghduff, preto de Clifden, no oeste de Irlanda do Sur. Mary Finn foi quen lle ensinou a toca-lo acordeón piano. Aprendeu moito de Liz Kane, que toca o fiddle, durante unha serie de competicións. Posteriormente, os dous gañaron o primeiro premio de duetos de Irlanda en 1995. VI) Kathleen Boyle: piano: a única compoñente do grupo que naceu en Escocia, concretamente en Glasgow. O seu amor pola música procede de seu pai, que tamén é un músico de talento. Ademais do piano, Kathleen Boyle toca tamén o acordeón. En canto á súa música, os seus doce discos caracterízanse por conter tanto temas instrumentais como cancións. Por último, a acostumbrada recomendación dunha peza do grupo, que se titula "The Anascul Polka": http://www.youtube.com/watch?v=aZAPKEEyGi8 Espero que vos guste. Ser.

2 comentarios:

Gela dijo...

Gustame esa peza e ademáis sempre é ben para todos que as mulleres acaparen para si, eidos que lles eran negados de unha forma encuberta, por así dicilo...un avance para todos, non só para a muller, creo eu.

Sergio dijo...

Está ben iso de que as mulleres entren en eidos nos que antes non podían, e viceversa, no doméstico, por dicir un deles. Si que é un avance para todos, pois así vese que o talento en calquera ámbito non entende de xénero, algo que creo que resulta bastante evidente a pouco que nos poñamos a observar. Espero que algún día a frase de Einstein "es más fácil desintegrar un átomo que un prejuicio" deixe de ter sentido.

Publicar un comentario