Mostrando entradas con la etiqueta música celta. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta música celta. Mostrar todas las entradas

domingo, 13 de junio de 2010

Cristina Pato

Ourense, 1980: cidade e ano que viron nacer a Cristina Pato, a gaiteira e pianista galega que lle fixo cambiar a quen escribe estas liñas o seu concepto sobre o que significa subir a un escenario cunha gaita. As súas primeiras intervencións con este instrumento, xa dentro dunha agrupación, hainas que buscar na Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, dentro da cal participou na gravación de seis discos, un deles de solistas; a seguinte etapa da súa viaxe segue por terras ourensás co grupo folk Mutenrohi, no que xa amosaba un estilo de toca-la gaita moi semellante ao que nos ten acostumados hoxe en día, do que veremos unha mostra co inevitable video. Ademais de polo seu traballo como gaiteira, tanto solista como en colaboracións, tamén é recoñecida internacionalmente polo seu traballo como pianista: a súa experiencia con estes dous instrumentos levouna dende a súa Galicia natal ata importantes festivais da Música Celta como son o Interceltique de Lorient ou o Celtic Connections de Glasgow, pasando por Alemaña, Italia, México e a India, entre outros. Un punto que hai que destacar na súa carreira son as colaboracións con músicos da talla de The Chieftains ou o Silk Road Ensemble, unha agrupación que reúne instrumentistas de varios continentes, concretamente no disco "Off the Map" (2009). Como gaiteira solista gravou tres discos: "Tolemia" (1999), "Xilento" (2001) e "Misturados" (2007); no seu disco "The Galician Connection" (2010) combina as súas facetas de gaiteira e pianista. Por outra banda, colaborou como pianista en dúas gravacións: "Songs of Joy and Peace" (2008), do violonchelista francés de pais chineses Yo-Yo Ma, e en "From Russia to Brazil" (2006). Ademais disto, tamén sabe o que é o mundo das bandas sonoras de películas, pois é a compositora e intérprete da música da película "El Hombre de Arena", filme que se estreou no 2007. Por último, deixo aquí un video dunha actuación do grupo Mutenrohi. Espero que vos guste. Ser.

sábado, 20 de junio de 2009

Carlos Núñez

Este blog inaugurouse coa idea de que cada un dos membros tratase un xénero musical concreto (aínda que, como di a alma mater deste proxecto, a improvisación é xa unha parte inseparable do noso estilo), e eu comprometinme a tratar o folk nacional e internacional, pero vou comezar con este frautista e gaiteiro galego, vigués concretamente, que é moi difícil, por non dicir imposible, de encadrar nesta categoría. O grupo no que estivo cando era mozo, Matto Congrio, xa facía mesturas de estilos musicais, por exemplo, un dos seus membros compuxo un reel (unha danza popular, sobre todo en Irlanda) a ritmo de salsa. Posteriormente, na súa traxectoria como solista, Carlos seguiría profundizando neste estilo ecléctico, de xeito que na súa música podemos escoitar desde sons de Cuba (en A irmandade das estrelas) ata flamenco (Os amores libres), e coa presencia permanente de Bretaña e Irlanda en toda a súa obra, que lle veñen da man de músicos bretóns como o guitarrista Dan Ar Braz e o gran grupo folk irlandés The Chieftains, ós que coñeceu da man do músico bretón Patrick Molard, cuns trece anos en An Orient (Lorient), na Bretaña, e dos que xa case forma parte, polo que é coñecido como "o séptimo Chieftain". Pero a súa fusión de estilos non remata aquí, pois tamén tivo os seus contactos co pop coa colaboración de artistas como Roger Hodgson (vocalista de Supertramp), entre outros. As súas numerosas viaxes a Xapón para dar concertos foron, en certa maneira, premonitorias do que hoxe en día é o seu penúltimo disco (Cinema do Mar), composto integramente por bandas sonoras de películas, incluída a de Mar Adentro, así como temas xa consagrados como a banda sonora de El Padrino, pero a maioría dos temas son composicións de músicos xaponeses; ademais este disco inclúe un par de temas que creo necesario salientar por diferentes razóns: primeiro, a Suite nº 1 para cello de Johann Sebastian Bach, pola súa dificultada para adaptala a un instrumento de pouco máis dunha octava como é a gaita, e a outra trátase de The Sailor's Hornpipe, unha peza que soa a reel e que é coñecida por se-la banda sonora de Popeye. Ultimante, a súa investigación musical trasladouse ó outro lado do Atlántico, concretamente a Brasil, do que saíu o que ata agora é o seu último disco (Alborada do Brasil), no que explora as conexións musicais entre Galicia e Brasil. Esta viaxe a Brasil ten un motivo familiar: a emigración do bisavó de Carlos, tamén músico, e a súa desaparición. Ademais, neste disco conta coa colaboración, xa obrigada nos seus proxectos musicais, de The Chieftains, pero tamén coa de Carlinhos Brown e moitos outros músicos de Brasil. Por último, dicir que tódolos músicos folk que citei arriba terán no seu día unha entrada propia, se me é posible conseguir información sobre eles. Ser