sábado, 20 de junio de 2009
Carlos Núñez
Este blog inaugurouse coa idea de que cada un dos membros tratase un xénero musical concreto (aínda que, como di a alma mater deste proxecto, a improvisación é xa unha parte inseparable do noso estilo), e eu comprometinme a tratar o folk nacional e internacional, pero vou comezar con este frautista e gaiteiro galego, vigués concretamente, que é moi difícil, por non dicir imposible, de encadrar nesta categoría. O grupo no que estivo cando era mozo, Matto Congrio, xa facía mesturas de estilos musicais, por exemplo, un dos seus membros compuxo un reel (unha danza popular, sobre todo en Irlanda) a ritmo de salsa. Posteriormente, na súa traxectoria como solista, Carlos seguiría profundizando neste estilo ecléctico, de xeito que na súa música podemos escoitar desde sons de Cuba (en A irmandade das estrelas) ata flamenco (Os amores libres), e coa presencia permanente de Bretaña e Irlanda en toda a súa obra, que lle veñen da man de músicos bretóns como o guitarrista Dan Ar Braz e o gran grupo folk irlandés The Chieftains, ós que coñeceu da man do músico bretón Patrick Molard, cuns trece anos en An Orient (Lorient), na Bretaña, e dos que xa case forma parte, polo que é coñecido como "o séptimo Chieftain". Pero a súa fusión de estilos non remata aquí, pois tamén tivo os seus contactos co pop coa colaboración de artistas como Roger Hodgson (vocalista de Supertramp), entre outros.
As súas numerosas viaxes a Xapón para dar concertos foron, en certa maneira, premonitorias do que hoxe en día é o seu penúltimo disco (Cinema do Mar), composto integramente por bandas sonoras de películas, incluída a de Mar Adentro, así como temas xa consagrados como a banda sonora de El Padrino, pero a maioría dos temas son composicións de músicos xaponeses; ademais este disco inclúe un par de temas que creo necesario salientar por diferentes razóns: primeiro, a Suite nº 1 para cello de Johann Sebastian Bach, pola súa dificultada para adaptala a un instrumento de pouco máis dunha octava como é a gaita, e a outra trátase de The Sailor's Hornpipe, unha peza que soa a reel e que é coñecida por se-la banda sonora de Popeye.
Ultimante, a súa investigación musical trasladouse ó outro lado do Atlántico, concretamente a Brasil, do que saíu o que ata agora é o seu último disco (Alborada do Brasil), no que explora as conexións musicais entre Galicia e Brasil. Esta viaxe a Brasil ten un motivo familiar: a emigración do bisavó de Carlos, tamén músico, e a súa desaparición. Ademais, neste disco conta coa colaboración, xa obrigada nos seus proxectos musicais, de The Chieftains, pero tamén coa de Carlinhos Brown e moitos outros músicos de Brasil. Por último, dicir que tódolos músicos folk que citei arriba terán no seu día unha entrada propia, se me é posible conseguir información sobre eles.
Ser
2 comentarios:
La verdad es un crak de la música y me encanta esa filosofía que tiene sobre la gaita, no tiene límites, los límites los ponemos l@s human@s. Es uno de los grandes del folk de todos los tiempos, bueno, al menos de los ultimos 100 años jejeje.
Un saludo y adelante con este blog.
Benvido, Efra.
Pois si, soubo explorar coma ninguén as posibilidades da gaita e facer cousas que se crían imposibles.
Moitas gracias polos ánimos!!!
Publicar un comentario