.jpg)
De Galicia marchamos agora ata as frías terras do norte, concretamente a Suecia, onde se funda, en 1987, a banda folk Hedningarna (os pagáns, en finlandés). En orixe, este grupo era completamente sueco, pois os seus tres fundadores (dos que non poño o nome por non poder usar aquí certos signos desta lingua) son deste país, pero posteriormente incorporaron dúas cantantes finesas, Sanna Kurki-Suonio e Tellu Paulasto, coas que Hedningarna alcanzou, na miña opinión, o seu mellor son, tanto en calidade como en potencia.
Aínda que antes dixen que son unha banda folk, isto é unha verdade a medias, pois unha das súas características máis atractivas é a busca constante de innovacións en varios aspectos do seu traballo, pero sen deixar de lado a tradición: dando unha visión xeral, recollen desde a música tradicional de Finlandia, como os cantos de Karelia, que hoxe forma parte de Rusia, e de Laponia, ata algunhas concesións á música electrónica, como se pode escoitar no seu traballo Hippjokk.
Pero o seu mellor traballo, que é un dos discos de maior calidade da música folk cando menos europea, é o disco Trä (madeira, en sueco), no que acadan un son, tanto instrumental como vocal, que non deixa indiferente a ninguén pola súa potencia e variedade sonoras, pois, ademais da cantidade de instrumentos que usan, está cantado en dous idiomas: sueco e finés, ademais dun tema instrumental. Unha das partes da súa formación que explotou neste disco o violinista (como el prefire considerarse, pois en realidade é multiinstrumentista) Anders Stake, foi a súa faceta de luthier, construíndo instrumentos ata con cornos de animais.
En fin, desde aquí vai a miña persoal recomendación dun dos moitos grupos que fan que o grande universo de posibilidades que é a música folk sexa máis grande.
Ser