Ben é certo que non son unha persoa moi, ou mellor dito, nada inclinada a mirar atrás, como ben sabedes @s que me coñecedes ben, pero este foi un ano diferente neste sentido, e nel houbo cousas polas que paga absolutamente a pena facer memoria, pero esta vez construtiva, para variar, e os motivos disto vense mellor, creo, cunha mestura de narración e fotografía.
Cando un colle a chave que garda esas lembranzas máis especiais, pode ocorrer que se decate de que hai unha que brilla por riba das demais, tal como a lúa entre as nubes,

e esta resultou se-la dun concello que moitos de vós coñecedes ben: Castroverde, debido a que alí tivo lugar un feliz e inesperado reencontro que fixo posible que se reanudase unha amizade, interrompida polas circunstancias, que comezou hai seis anos neste lugar que lembra co seu nome a historia romana da nosa cidade:

Baseándose na frase "si algo he aprendido a lo largo de estos años es que el amor verdadero es algo que se demuestra a diario con hechos y no con palabras"
.jpg)
, un chega á conclusión, subxectiva, por suposto, de que os feitos son a mellor maneira de demostrar que alguén é un bo amigo, pois ás veces as palabras, aínda que se descoñeza o seu efecto no momento en que se din, firen ou molestan a xente; por iso, graciñas de todo corazón a quen tivo que aturar iso este ano e, malia todo, segue aí dando o mellor de si como amig@, polo que lle quero enviar unha foto que o día de hoxe tivo a ben concedernos:

Seguindo coa miña recente ocupación de fotógrafo aficionado e c@s amig@s, resulta que o citado concello tivo moito que ver niso, pois, botando contas, outros b@s amig@s veñen da sombra da súa torre e, ademais, foi alí onde os coñecín, entre risas (sobre todo, xDD), gaitas e percusión, da que, xunto cos mazos de lume, fixeron bo uso no Arde Lucus deste ano, onde os tres (Alba, Efra e Marco), amosan unha cara distinta da habitual, :), e que aparecen aquí xunto con outros membros da banda: Alberto, María José e Begoña (de esquerda a dereita).

Por puro azar, correspondeulle o último lugar desta entrada á nosa promoción de Filoloxía Clásica 2004-2009, na que houbo moi bos momentos entre frikadas (a marca da casa dos que nos deixamos as neuronas con Homero, Virxilio e compañía, :P), ocasionais saídas nocturnas, traballos en grupo na biblioteca polos que case nos botan fóra e tantas outras anécdotas e vivencias que ocuparían demasiado aquí, sen esquece-los choques que se dan de vez en cando, pero adoitan ser consustanciais á convivencia.

En fin, para ser orixinal, :), desexarvos a tod@s un feliz fin de ano e unha, como mínimo, igual ou mellor entrada no 2010 e que as vosas estrelas sigan brillando con tanta ou máis forza no voso ceo particular. Graciñas á alma máter deste acolledor recuncho por abri-la porta que deu, e dará, saída ás nosas máis variadas ideas e tamén, por suposto, a tod@s @s membr@s que facedes posible que isto siga adiante. Os meus mellores desexos para tod@s.
Ser.