jueves, 2 de diciembre de 2010

Davy Spillane

Despois de tantos meses de ausencia, por fin estamos de volta. Nesta viaxe de retorno acompañounos o gaiteiro e frautista irlandés Davy Spillane, que naceu en Dublín en 1951, no seo dunha familia sen tradición musical no que a música irlandesa se refire. Comezou a toca-la Uilleann Pipes (gaita irlandesa) e o tin whistle (frauta irlandesa de afinacións agudas) con doce anos, na escola. O primeiro grupo do que formou parte e do que foi membro fundador xunto cos músicos irlandeses Dónal Lunny e Christy Moore foi Moving Hearts. Despois da desaparición desta banda, Davy Spillane apareceu como músico de sesión en traballos de artistas como Van Morrison, Enya, Elvis Costello ou no disco Voyager de Mike Olfield. Tamén ten experiencia no campo da composición de bandas sonoras, como a da adaptación ao cinema da obra Wuthering Heights, de Emily Brontë. Despois disto, temos a formación da banda coa que gravaría a súa produción musical como solista, cuxos membros son: Davy Spillane: uilleann pipes e whistles. Anthony Drennan: guitarra. James Delaney: teclados. Tony Molloy: baixo. Paul Moran: batería e percusión. Xa para rematar, creo convinte salientar que Davy Spillane se caracteriza por un alto grao de virtuosismo musical, pero sobre todo por obter do seu instrumento un son altamente conmovedor. E, como non, o obrigado video. Espero que desfrutedes coas emocións que esperta esta peza. Ser.