jueves, 11 de marzo de 2010

Yevgeny Pliúshchenko

Cambio de disciplina, pero sen deixar de lado a música, como veremos, para ir ata Rusia sobre os patíns sobre xeo de Евгений Викторович Плющенко (Yevgény Víktorovich Plyúshchenko). Naceu en 1982 en Solnechny, na Unión Soviética. Comezou a patinar en Volgogrado cando tiña catro anos, e esa pista pechou cando tiña once, polo que marchou a San Petersburgo para adestrar con Alexey Mishin. En 1997 gañou a súa primeira competición mundial con catorce anos. Nas Olimpíadas de Inverno do 2002, Plyúshchenko e o seu rival e antigo compañeiro de adestramento Alexei Yagudin eran co-favoritos, e o primeiro posto foi para Yagudin por unha caída de Plyúshchenko. No período que vai entre os anos 2002 e 2006, o noso convidado nesta ocasión pasou unha época de luces e sombras, estas últimas no terreo profesional, pois no 2005, no Campionato do Mundo en Moscú, viuse obrigado a retirarse despois de executa-lo programa curto debido a unha lesión, co que xa non puido participar na final; tamén tivo algunha sombra no terreo persoal, pois neste mesmo ano casou con Maria Ermak, coa que tivo un fillo, pero divorciáronse tres anos despois. No ano seguinte foi campión olímpico en Turín amosando unha clara superioridade, pero despois disto virían dous anos alonxado da competición. No 2007, os resultados de Rusia no Campionato Mundial foron os peores dende 1960, polo que, segundo se di na súa páxina oficial, Plyúshchenko, preocupado porque Rusia perdese o seu predominio, anunciou a súa intención de volver participar na tempada 2007-2008, para mante-lo nivel competitivo de Rusia ata que a nova xeración de patinadores tomase o relevo, pero este retorno non se produciu. No 2009 casou por segunda vez coa produtora musical Yana Rudkovskaya, coa que traballa o cantante ruso Dima Bilan, co que Plyúshchenko colaborou cunha coreografía no Festival de Eurovisión celebrado no 2008, xunto co violinista húngaro Edvin Marton e o seu violín fabricado por Antonio Stradivari (Stradivarius é forma latinizada) ou por algún membro da súa familia, en 1697; Edvin Marton ten composto pezas para as coreografías do patinador. Na súa participación na Rostelecom Cup en Outubro deste ano 2009 e nos Campionatos de Rusia e de Europa do ano no que estamos, Plyúshchenko obtivo unhas vitorias nas que deixou bastante atrás o resto de patinadores, despois de prepararse a conciencia despois da súa lesión. Nesta disciplina, a música ten un papel moi importante nas coreografías dos patinadores, e a selección das obras pode chegar a ser incriblemente variada, do que imos achegar uns poucos exemplos das pezas para as que preparou coreografías, entre as que están: Tosca de Puccini, Tango Flamenco, de Paco de Lucía, algunhas cancións de Michael Jackson, entre outras moitas. Xa para rematar, quérovos deixar aquí o video da súa coreografía do "Concierto de Aranjuez", de Joaquín Rodrigo. Que a desfrutedes. Ser.

2 comentarios:

Sergio dijo...

Sinto que a entrada me quedase tan densa e con tanta digresión. O audio do video está en ruso e os dous minutos e algo finais son de repaso da súa coreografía, pero é o que mellor calidade ten dos que atopei. Saúdos.

Efraím Díaz dijo...

A mi me ha gustado, esta bién ver cosas en las que uno no suele reparar. Un saludo.

Publicar un comentario